A praza de abastos de Cambados abrirá o 8 de decembro, en plena ponte da Constitución

CAMBADOS> En Cambados, a Praza de Abastos e o Mercado ambulante estarán a pleno rendemento o vindeiro 8 de decembro. Malia ser  unha día festivo, foron varios os praceiros e vendedores que instaron ó Concello a abrir nesa xornada. Ademais, unha axencia de viaxes xa anunciou a súa intención de que nese día unha excursión pola zona faga parada neses puntos de venda.

O 8 de decembro, o día da Inmaculada Concepción cadra este ano en sábado. Malia tratarse dunha xornada festiva, a Praza de Abastos de Cambados estará aberta e o mercado ambulante celebrarase como noutra xornada laborable. A medida foi aprobada hoxe por unanimidade na Mesa de Comercio Local do Concello.

A medida responde a unha demanda estendida entre praceiros e ambulantes. A apertura é posible grazas a que a Xunta ten seleccionado o 8 de decembro como un dos festivos nos que os centros comerciais poden abri-las súas portas.

A xornada, ademais, cadra xusto no medio da ponte da Constitución, polo que se agarda unha abondosa presenza de visitantes na vila. De entrada, unha axencia de viaxes xa anunciou a súa intención organizar unha excursión ó Salnés, facendo parada en Cambados. A empresa entende que entre os atractivos da localidade, non se pode prescindir nin dos produtos do mar que se ofrecen na praza nin das atractivas ofertas do mercado ambulante.

Nesa ponte festiva tamén arrancará a instalación do alumeado de Nadal en Cambados, un asunto tamén abordado na Mesa do Comercio. Este ano, vai haber máis rúas e prazas decoradas. Outras rúas, como é o caso da Real, vivirán este ano pequenas innovacións, coa instalación de longas grilandas ó longo de toda a vía. O orzamento do alumeado este ano rolda os 13.000 euros.