A Festa do Tinto de Barrantes volve ‘ao 100%’

RIBADUMIA> Ribadumia prepárase para recuperar, por todo o alto, a Festa do Tinto de Barrantes. O evento recuperará o formato anterior á pandemia, con tres xornadas de intensa actividade na que non faltará a troula a música e, por suposto, o viño. As catas tamén recuperan a súa esencia, coa entrega de premios -como sempre- no xantar do día grande.

O Barrantes volverá manchar, por todo o alto, a cunca neste 2022. Ribadumia recupera a Festa do Tinto ao 100%, cunha edición semellante ás previas á chegada da pandemia, entre o 3 e 5 de xuño.

E esa volta á normalidade tradúcese na recuperación dun formato no que non faltarán as casetas, a troula e a música, coa volta a Barrantes das grandes orquestras e mesmo un concerto de Roi Casal. Tamén se recuperan as catas e a entrega de premios que, como antes do 2020, entragaranse tralo xantar do día grande.

Para o concello, a recuperación deste evento supón poñer de novo a Ribadumia no mapa festeiro. E non só iso, o alcalde tamén salienta o impacto que ten no turismo e na economía local. Nese sentido, David Castro aproveita para reivindicar de novo a legalización canto antes do Tinto de Barrantes.

Neste sentido, Ribadumia pon a ollada noutras rexións europeas, onde xa se están a regularizar variedades híbridas como o Tinto de Barrantes. O alcalde entende que Galicia e España deben tomar exemplo deses casos para axilizar unha demanda tan histórica como precisa.