Unicef recoñece o traballo do colexio das Filipenses de Vilagarcía contra o bullying

VILAGARCÍA>  No colexio das Filipenses de Vilagarcía están moi concienciados contra o bullying. No centro puxeron en marcha un certame de vídeos, elaborados polos alumnos, para loitar contra o acoso nas aulas. A gravación que se fixo co primeiro premio chamou a atención mesmo de Unicef, que ata compartiu o vídeo na súa web.

Que te chamen fea, plana, parvo ou marica tamén é acoso. Iso sábeno ben no colexio das Filipenses de Vilagarcía. No centro, puxeron en marcha un certame no que varios grupos de alumnos de 3º da ESO crearon uns vídeos cos que demostran que o insulto tamén é un xeito de violencia.

No concurso participaron sete grupos de rapaces. O proxecto gañador está composto por 6 mozas, que se encargaron de gravar e monta-lo vídeo. Explícannos que o seu vídeo fala do bullying no mundo, pretendendo tamén achegar este tipo de acoso á súa realidade máis próxima.

A iniciativa xurdiu para conmemora-lo Día da Infancia. O vídeo gañador acabou chamando a atención de Unicef, que se puxo en contacto co centro escolar para falicitalo. A gravación mesmo foi compartida na web do organismo da ONU.

Seica nisto do bullying non se libran nin nenos, nin nenas: as faltas de respecto están sexualizadas, pero os acosadores atacan por igual a ambos sexos.