LOUSAME> Lousame acolleu a sexta Mesa Local de Coordinación fronte á Violencia de Xénero. A reunión, presidida pola concelleira de Igualdade, contou coa participación de representantes da Garda Civil así como as responsables do Centro de Información á Muller.
Prevención e sensibilización son clave na loita contra a violencia de xénero. Así o entende o concello de Lousame que desenvolve diversos programas dirixidos a escolares e familias para promover a igualdade. Un deles estase a levar a cabo no CPI Cernadas de Castro dende o inicio de curso. Trátase dunha iniciativa subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade na que participa todo o alumnado, dende Infantil a Secundaria.
Segundo explicou a concelleira, Silvia Agrafojo, o obxectivo é favorecer a coeducación e a igualdade de oportunidades fomentado a desaparición de estereotipos de xénero e unha mellor convivencia tanto na familia como na escola. Con este fin,desenvólvense diversos obradoiros encamiñados, por exemplo, ó bo uso de internet e dos videoxogos, a autoconfianza e o respecto á diversidade e a resolución de conflitos. Pola súa banda, as familias teñen ocasión de coñecer as claves para educar en igualdade a través dos obradoiros ‘Navegando en Familia’.
Ademais dos programas de sensibilización, o concello conmemorará o día internacional contra a Violencia de Xénero coa xa tradicional andaina. Será o domingo 24; unha ruta de nove quilómetros na que centos de veciños percorrerán os lugares máis destacados do municipio para amosar o seu apoio na lota contra a violencia machista.