Localizan 700 plantas de marihuana nunha vivenda en Ribeira

RIBEIRA> Na operación, realizada pola Policía Nacional, procedeuse tamén a detención dun veciño da localidade acusado dun presunto delito de tráfico de drogas. A Policía Nacional localizou nunha vivenda de Ribeira preto de 700 plantas de marihuana en varios estados de crecemento, así como tamén distinto tipo de obxectos necesarios para o seu cultivo, como é o caso de lámpadas, transformadores,  deshumificadores, ventiladores e fertilizantes. O mesmo tempo tamén se procedeu ó desmantelamento dun laboratorio artesanal de elaboración de resina de haxix e todo o material necesario para o seu procesado. Os axentes da comisaría ribeirense facían este achádego despois de sorprender na rúa ‘in fraganti’ a un veciño da localidade que pretendía realizar un ‘pase’ de droga, incautándolle nese momento unha bolsa con marihuana e outra de resina de haxix preparadas para a súa venda. Ó prendido, que xa pasou a disposición xudicial, cónstalle unha detención anterior por lesións.