A vaga de roubos en Vilagarcia abre a porta á celebración dunha Xunta de Seguridade extraordinaria

49

VILAGARCÍA> O alcalde de Vilagarcía non descarta celebrar unha Xunta Local de Seguridade extraordinaria para tentar poñer couto á vaga de roubos que sofre a cidade dende hai semanas. O último caso produciuse no Centro Social de Vilaxoán: o ladrón xa foi identificado ó caérselle unha citación xudicial na súa fuxida. Ademais, tamén se produciu un atraco nunha céntrica cafetería. Neste caso, un individuo cun pasamontañas irrompeu no local pouco antes da hora do peche. Nese intre, no seu interior había unha camareira e un cliente.

Ocorreu todo moi rápido e, por sorte, sen maiores incidencias. Eran preto das 12 da noite deste luns cando un individuo entrou nesta cafetería Saberes, situada nunha céntrica rúa de Vilagarcía.

Tapando o seu rostro cun pasamontañas, cunha navalla na man e ó berro de ‘isto é un atraco’ dirixiuse ó interior da barra: acabou levando os 800 euros da caixa rexistradora.

Nese momento, no local só quedaba unha camareira e un cliente, pero a rapidez do ladrón foi tal, que non puideron facer nada por evita-lo roubo.

En canto o home liscou, a camareira puxo os feitos en coñecemento das forzas da orde que puxeron en marcha un dispositivo para tentar localiza-lo atracador, aínda que, segundo as últimas informacións, sen éxito polo de agora.

Nesa mesma noite, tamén en Vilagarcía, produciuse outro asalto, desta volta, no centro de saúde de San Roque. Seica un home ferido accedeu ás instalacións por unha fiestra.

Ademais, nesta pasada madrugada, un home entrou no Centro Social de Vilaxoán, tamén accedendo por unha ventá. O sistema de seguridade das instalacións, que solta unha fumareda que cega ós intrusos, forzou a fuxida do caco. Nesa accidentada escapada, ó ladrón caéuselle unha citación xudicial. Sen moita dificultade, a Policía xa procedeu á súa identificación.

A sucesión de roubos que se vén rexistrando na localidade nos últimos meses leva ó Concello a poñer sobre a mesa a celebración dunha Xunta Local de Seguridade extraordinaria.