POBRA> O BNG da Pobra levará a pleno a necesidade de conservación do patrimonio cultural. Na moción rexistrada esta semana chaman a atención sobre tres elementos que se atopan moi deteriorados: as naves dos Areos e os cruceiros do Pichón e das Maricas.
Segundo o BNG, estes tres elementos patrimoniais son tan só un exemplo do mal estado en que se atopa boa parte das construcións emblemáticas do municipio que deberían ser rehabilitadas polo seu valor histórico e cultural. Refírense especialmente ás antigas fábricas de salgadura dos cataláns, emprazadas no paseo do Areal, que se atopan en risco de derrubamento.
Na moción inclúen tamén o cruceiro do Cristo do Pichón no que semella que se vai acometer unha actuación inminente posto que xa se instalaron os andamios ó redor da construción.
Tamén en estado moi deteriorado se atopa o cruceiro das Maricas, na Ribeiriña, para o que os nacionalistas demandan unha actuación de rehabilitación urxente.