Os veciños de San Salvador de Poio piden unha zona verde

POIO> Os veciños de San Salvador de Poio solicitan ó concello que cree unha zona verde nunha parcela municipal abandonada en Río Sil. A plataforma veciñal suxire que se instalen neste terreo un parque biosaudable, outro infantil e unha zona de hortas ecolóxicas. Explican que esta intervención beneficiaría á contorna, ademais de fomentar a conciencia ambiental.

A Plataforma de San Salvador solicita ó Concello de Poio que lle de uso a unha parcela de 4.000 metros cadrados situada en Río Sil. Propoñen en primeiro lugar a construción dun parque biosaudable e outro infantil para dar servizo a veciños de tódalas idades.

Tamén suxiren destinar unha parte do terreo a hortas ecolóxicas.

Con esta horta urbana adquiriríase conciencia ambiental, fomentando o consumo de sementes ecolóxicas e poderían reciclarse os refugallos alimentarios a través da compostaxe.

A plataforma ofrécese a manter as conversas necesarias co concello para  tratar o tema.