PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra cifra en máis de 4 millóns de euros os estragos producidos polos temporais. As contas recompilan 41 incidencias rexistradas dende novembro do ano pasado a finais de xaneiro deste 2026. Os estragos no Recinto Feiral e no colector do río dos Gafos son os de contía máis elevada. Agora o concello presentouse á liña extraordinaria de axudas convocada polo Goberno Central para atender estes danos.
Pontevedra súmase aos concellos que tramitarán ante o Estado as solicitudes de financiamento para reparar os estragos provocados polos temporais deste inverno. Son 41 intervencións en infraestruturas e equipamentos, valoradas en máis de 4 millóns de euros.
Na listaxe, a intervención de maior contía económica refírese ao Recinto Feiral. Trátase da actuación de maior envergadura, orzamentada en 750.000 euros.
Superando tamén os 700.000 euros, 743 mil en concreto, sitúase a reparación do colector xeral do río dos Gafos. Resultou danado nas inmediacións da estación intermodal.
A canalización da rúa do Santo, nos Praceres, orzamentada en 270 mil euros, intervencións nos camiños, pradeiras e pasarelas da Illa do Cobo, en case 230.000, ou a substitución da cuberta no pavillón San Bieito de Lérez, valorada en 208.000 euros, son outras das intervencións de maior contía coas que o concello optará á liña de axudas do Goberno central.











