PONTEVEDRA> O escritor Antonio García Teijeiro será o autor homenaxeado este ano no Salón do Libro. Con esta elección quérese destacar a poesía como ferramenta revolucionaria, seguindo a temática arredor da que xirará a vixésima edición do evento, que terá lugar no mes de abril.
Na súa vixésima edición, o Salón do Libro renderá homenaxe a Antonio García Teijeiro. Será o 2 de abril. Ademais, o poeta e narrador galego, galardoado o ano pasado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por “Poemar o mar”, será a figura central de actividades, obradoiros e exposicións.
Con este recoñecemento quérese destacar a potencialidade revolucionaria da poesía.
Con máis de 50 obras editadas, o autor centrouse nos últimos anos na poesía, da que reivindica o seu papel para transformar o mundo.
A concelleira de cultura lembrou que, aínda que o salón tende á internacionalización, segue sendo moi importante a Literatura Infantil e Xuvenil, eido no que Galicia segue a destacar.
García Teijeiro declarouse moi vinculado a Pontevedra, onde estudou Maxisterio e foi xogador do Teucro. Este domingo, ás 12 horas, estará no Culturgal, no Pazo da Cultura.