“Mulleres en acción. Violencia Zero” rexeita na rúa as agresións machistas

[

PONTEVEDRA> Os actos reivindicativos con motivo do Día Mundial Contra a Violencia de Xénero continuaron hoxe en Pontevedra ca segunda das accións do programa de arte na rúa “Mulleres en acción. Violencia Zero”. Helen Bertels escenificou o terror da violencia machista na praza da Peregrina.

A acción artística “Amor”, de Helen Bertels cuestionou en voz alta a orixe do patriarcado.  A artista interactuou co público presente na praza da Peregrina, preguntándolles, entre outras cuestións, por qué nos teñen tanto medo ás mulleres.

A peza de Helen Bertels forma parte do seu proxecto “Agasállame coa túa vida”, no que retrata a mulleres coas que comparte conversas ou parte do seu día a día e no que busca respostas sobre as esencias e misterios femininos. A de hoxe foi especialmente concibida para o programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” e centrouse no pánico e nos medos producidos polas violencias machistas.

Antes da actuación, Carmela Silva lembrou ás 54 mulleres asasinadas neste ano e os 57 nenos e nenas que quedaron orfos. Na súa intervención, insistiu na necesidade de loitar contra esta lacra os 365 días do ano.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra  destacou a importancia de recuperar os espazos públicos para a igualdade e a liberdade.

“Mulleres en acción. Violencia Zero” percorrerá 25 concellos da provincia con outras tantas accións artísticas de diferentes disciplinas, coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance.

Nas catro edicións que leva este programa teñen participado máis de 100 artistas.