Silva acusa ao PP de ‘sobreactuar’ e de ‘facer política indecente’ tras reclamarlle a súa dimisión

PONTEVEDRA> Rotunda contestación da presidenta da Deputación de Pontevedra ao Partido Popular. Onte a formación cualificaba de vitoria política e xudicial a sentenza que ordena ao goberno provincial a convocar o pleno extraordinario polo caso do enchufe da cuñada de Carmela Silva. Un pronunciamento que daba a razón ao PP. Para Silva, o comportamento dos deputados populares é sobreactuado e acusounos de facer política indecente.

Para a presidenta da Deputación de Pontevedra o Partido Popular fai política indecente. Carmela Silva cre que os deputados do PP deron onte unha imaxe sobreactuada na rolda de prensa que ofreceron tras coñecer a sentenza xudicial que lles daba a razón e ordenaba ao goberno provincial a convocatoria dun pleno extraordinario polo caso do enchufe da cuñada de Silva.

Os populares dixeron tamén que Carmela Silva tería que dimitir trala condena do Tribunal Supremo a un funcionario do concello de Vigo por participar nunha trama de contratación irregular da que se beneficiou a cuñada da presidenta provincial. Hoxe Silva contraatacou, recordando ao PP os casos de corrupción na formación.

A presidenta provincial apuntou que tras coñecer a sentenza o pleno foi convocado para o venres 27 de maio. Aínda asi, asegura, non comparte o pronunciamento xudicial.

Silva lembrou que os argumentos da Deputación de Pontevedra para non convocar o pleno que solicitaba o Partido Popular coincidían coa postura da Fiscalía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí