Enfrontamento entre Deputación e concello pola licenza de obra de Santa Clara

PONTEVEDRA> Enfrontamento entre a Deputación e o concello de Pontevedra con motivo da rehabilitación de Santa Clara. Hoxe o vicepresidente provincial acusou ao alcalde de empregar o proxecto como arma política, atrancando no concello a concesión da licenza de obra. Dende o goberno local, pola súa banda, aseguran que non poden conceder esta licenza sen ter o informe sectorial de Patrimonio, que a Deputación aínda ten pendente. Din que completar o trámite sen ter esta documentación sería prevaricar.

Para o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, non hai dúbidas. O alcalde pontevedrés está a poñer atrancos dende o concello á tramitación da licenza para a rehabilitación do convento de Santa Clara.

Segundo Domínguez, concello e Deputación acordaran conceder unha licenza provisional co proxecto básico, documento que foi entregado en xullo de 2024. Deste xeito, explicou o vicepresidente, poderían avanzar na licitación, contratación e adxudicación do proxecto. Pero a día de hoxe o popular acusa ao goberno do BNG de solicitar a cada paso nova documentación.

O principal punto de discordia está na falta de proxecto arqueolóxico. Domínguez explicou que actualmente está en fase de contratación e que agardan que estea finalizado en xuño deste ano pero defende que non é necesario para obter unha licenza provisional. Dende o concello aseguran que estas escavacións son imprescindibles para obter este permiso.

Mosquera recordou que foi o goberno municipal quen impulsou Santa Clara e que ofrecera toda a súa colaboración a Domínguez para sacar adiante este proxecto.

O concelleiro pontevedrés defendeu que o proxecto arqueolóxico foi solicitado por Patrimonio da Xunta de Galicia.