PONTEVEDRA> Espazo Depo é o novo plan de cooperación cos concellos posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha inxección extraordinaria de 20 millóns de euros para que 18 municipios pontevedreses executen proxectos considerados estratéxicos. Esta liña de axudas cubrirá o 20% da achega que os concellos teñen que aportar no financiamento de proxectos municipais que acadaron fondos europeos Feder ou Edil.
Axudar aos concellos que conseguiron financiamento de fondos europeos a asumir a achega que lles correspondería. É o obxectivo do novo programa extraordinario de investimentos posto en marcha pola Deputación de Pontevedra.
Chámase Plan Espazo Depo e está dotado cun orzamento de 20 millóns de euros. Beneficiará a 18 concellos da provincia, entre eles Vilagarcía, Marín, e a unión de Vilanova, Valga, Pontecesures e Catoira.
Os concellos recibirán contías que oscilan entre os 1,3 millóns de euros e os 2,2 millóns. No pleno da vindeira semana a Deputación aprobará unha modificación de crédito de 6,5 millóns para financiar a achega dos recursos da primeira anualidade. A colaboración estenderase ao longo dos vindeiros catro anos.
Con estes recursos levaranse a cabo iniciativas relacionadas coa rehabilitación urbana, a mobilidade sustentable, a eficiencia enerxética, a xestión da auga e dos residuos ou solucións tecnolóxicas para os concellos.











