Nécoras, centolas, coliflores e capóns: as prazas de abastos vístense de Nadal

O GROVE> Falta menos dun mes para a Noiteboa e iso comeza a notarse nos mercados. Os prezos xa van subindo un chisco, especialmente no peixe e no marisco, en parte tamén polo mal tempo no mar. Moitos xa aproveitan para ir pensando menú e facendo acopio para gardar no conxelador. Nós hoxe demos unha volta pola Praza do Grove a ver como está o ambiente.

O espírito do Nadal invade xa as prazas de abastos. Os prezos medran en xeral, pero sobre todo no marisco e no peixe. Neste caso, a proximidade das Festas non é a única razón: o mal tempo no mar contribúe a que as capturas vaian a menos, co correspondente incremento no seu custo.

Subiu o peixe sapo, o rapante, a nécora e a centola. Neste caso, o incremento rolda os 5-6 euros.

Pero de aquí á Noiteboa os prezos irán medrando aínda máis. Se nesa velada queremos sorprender ós nosos cun produto excepcional o segredo pasa polo conxelador. Moitos van facéndose xa cos mellores produtos, cos prezos máis xeitosos, sen renunciar ó sabor.

Nos postos das carnes e das hortalizas tamén se nota o ambiente previo ó Nadal. Os capóns, repiten como un dos pratos estrela. Entre as hortalizas hai unha raíña: a coliflor, pero non é a única.

Agora tócalles a vostedes ir pensando o menú para o Nadal e escolle-lo produto que máis lles guste. Xa ven que hai onde escoller.