A Atención Primaria recuperará a normalidade na segunda quincena de xuño

GALICIA> A Atención Primaria recuperará a normalidade en Galicia na segunda quincena de xuño. Así o confirmou esta mañá o presidente da Xunta. Neste eido, Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe un Plan de reactivación asistencial que contará con 4 fases.

A Xunta de Galicia pon en marcha un Plan de reactivación asistencial en atención primaria co obxectivo de recuperar canto antes a actividade ordinaria. O plan conta con 4 fases que se prolongarán ata mediados de xuño. Momento no que está previsto que a Atención Primaria recupere a normalidade. Co obxectivo de conseguir unha detección precoz e evitar así posibles rebrotes, un médico de familia poderá, ante calquera sospeita, pedir unha proba diagnóstica.

Con este plan preténdese tamén potenciar a atención telefónica e limitar o aforo nos servizos de Atención primaria. Ademais, corresponderalle a cada servizo a reorganización das axendas e terán prioridade os pacientes máis vulnerables. Neste sentido, en todos os centros deberá haber dous circuítos de pacientes: os pacientes xerais e os pacientes con presunta patoloxía Covid.

Alberto Núñez Feijóo fixo fincapé en que este é un plan flexible que se irá adaptando segundo as necesidades e as circunstancias epidemiolóxicas.