Extinguido o aparatoso incendio declarado en ENCE

PONTEVEDRA> Arredor das 9 da mañá declarábase un aparatoso incendio nun dos equipamentos da fábrica de Ence en Lourizán. Non houbo danos persoais e en cuestión de media hora a situación estaba controlada. Os sistemas de emerxencia da empresa activáronse inmediatamente e evacuáronse parcialmente as instalacións. O lume foi totalmente extinguido polo servizo de bombeiros en torno ás 10.

A primeira hora desta mañá ocorría nas instalacións de Ence en Pontevedra un aparatoso incendio que levantou grandes laparadas e unha intensa fumareda. O lume iniciouse nunha torre de refrixeración en desuso que se está a desmantelar. O revestimento plástico da instalación provocou que o incendio se estendese con rapidez e resultase aparatoso, aínda que non revestiu máis gravidade que danos materiais no equipamento en cuestión.

Iniciado o incendio activáronse os servizos de emerxencia da propia fábrica, que comezou as operacións de extinción con medios propios e evacuou parcialmente as instalacións, reuníndose os traballadores ás portas da mesma.

En cuestión de media hora a situación estaba controlada e os traballadores puideron volver ós seus postos. O lume foi extinguido totalmente polo servizo de bombeiros arredor das 10 da mañá, momento en que a compañía emitía un comunicado oficial para informar desta circunstancia e para indicar que non se tiñan producido danos persoais. Aclaraba ademais que o fume non afectou ás poboacións circundantes.

Ata o lugar tamén se trasladaron a Policía local e o 061. A empresa analizará agora as causas do sinistro.