SOS Sanidade Pública recolle sinaturas para esixir que o aparcadoiro do Gran Montecelo sexa gratuíto

PONTEVEDRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública continúa coa súa recollida de sinaturas para evitar que o aparcadoiro do Gran Montecelo sexa de pago. Esta mañá instalaron a súa mesa informativa fronte ao Hospital Provincial, en Pontevedra. Dende o colectivo animaron á veciñanza a sumarse á campaña contra unha decisión que, aseguran, hipoteca o futuro da área sanitaria.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública busca a complicidade da veciñanza para evitar que o aparcadoiro do Gran Montecelo sexa finalmente de pago.

Como xa anunciaran, hoxe puxeron en marcha a súa campaña de recollida de sinaturas. Instaláronse ás portas do Hospital Provincial, en Pontevedra, animando aos veciños a asinar e informándolles dos plans do Sergas para este aparcadoiro.

A recollida avanza a bo ritmo. Xa adiantan que a súa intención non é presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular pero si conseguir un número de apoio suficientes que demostren a oposición da cidadanía a que este equipamento sexa privado. Algo ao que tamén se está a sumar o persoal sanitario.

Hoxe foi a primeira acción pero dende a Plataforma explican que levarán a súa mesa a diferentes puntos da cidade, como a rúa Benito Corbal ou a praza de abastos. Tampouco desbotan realizar algunha iniciativa dirixida á mocidade. Calculan que estenderán a campaña ata a primeira semana de marzo.