Oito adegas participan na estrea da Festa do Albariño de Inverno

CAMBADOS> A Festa do Albariño terá esta fin de semana a súa réplica invernal. O concello de Cambados ultima os preparativos para a cita deste sábado, que terá como protagonistas os viños escumosos de adegas de toda a Denominación de Orixe Rías Baixas. O evento é herdeiro da cata de escumosos que levaban organizando seis anos, e que busca ser un atractivo máis para desestacionalizar a oferta turística.

Cambados estrea este sábado a súa nova aposta enoturística. O Salón José Peña acollerá a primeira Festa do Albariño de Inverno, unha cita herdeira da cata de escumosos que cumpre xa a sétima edición.

Na cita participarán oito adegas e unha marca de escumosos. Dende as adegas destacaron a importancia destes eventos para promocionar un produto de calidade pero pouco coñecido.

Dende a organización agardan que sexa un éxito, e que a aposta cambadesa axude a desestacionalizar o turismo.

A partires dos 2.50 euros, os asistentes poderán probar todas as marcas presentes na cita. Ademais de estrear formato, aposta tamén polo carácter solidario: o recadado nas vendas das copas destinarase a GaliciAme.

No Salón José Peña haberá tamén dúas foodtrucks con produtos galegos, e o programa inclúe a actuación do violonchelista ruso Vladimir von Litvikh, do grupo pontevedrés GaliFunk Brass, e unha demostración do momento do degüelle na produción do escumoso da man de Luis Padín. Durante todo o evento haberá unha zona habilitada con xogos e vixiada por un monitor para os máis cativos.