Os canteiros de Poio reclaman a homologación dos seus estudos

PONTEVEDRA> A Asociación “Canteiros de Poio” concentrouse esta mañá ás portas do Pazo Provincial para pedir á Deputación a homologación dos títulos da Escola de Cantería.

No día da súa patroa, os canteiros da Escola de Poio berraron unha vez máis para que se homologuen os seus estudos. Fixérono en primeiro lugar diante da sede da Deputación de Pontevedra, administración da que depende o centro.

Alumnos e ex-alumnos levan anos reclamando que se lles outorguen as titulacións oficiais de Canteiro e Mestre Canteiro, o que permitiría relanzar a Escola, que cada vez ten menos matriculados, e mellorar as oportunidades laborais dos que xa pasaron por alí.

Representantes da Escola de Cantería reuníronse co comité de presidencia da Deputación, que lles entregou copia da carta enviada pola deputada de Traballo ó director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, na que se insta á Xunta a homologar as titulacións da Escola canto antes.

“Canteiros de Poio” presentará tamén mocións nos plenos do concello de Poio e da propia Deputación, para recadar os apoios de tódolos grupos políticos de cara á que se axilicen os trámites da homologación.

A mobilización foi trasladada a continuación ás instalacións da Escola na Caeira. Como parte das medidas de presión do colectivo, que manterán mentres non se lle de resposta á súa petición, tamén se están a recoller sinaturas a través da plataforma de internet Change.org.