Os traballos de restauración de Santa Clara descobren catro pinturas murais únicas en Galicia

PONTEVEDRA> Santa Clara continúa desvelando os seus segredos aos equipos que traballan na súa conservación. Os últimos achados son unhas pinturas murais do século XVI que os expertos consideran únicas en Galicia. Atopáronse no antigo refectorio do convento, o espazo que as monxas empregaban como comedor. Sería o único caso de pinturas murais localizadas neste tipo de espazos. A Deputación de Pontevedra xa adiantou que o obxectivo é conservalas para que sexan visitables.

Os traballos de restauración no convento de Santa Clara continúan a deixar ao descuberto novos achados. Desta volta, chaman a atención dos expertos catro pinturas murais localizadas no refectorio, o espazo que as monxas empregaron no século XVI como comedor.

Ata o de agora, as pinturas permaneceran cubertas pola capa de cal que cubría as paredes da estancia. Son catro imaxes de corte relixioso do século XVI: un Cristo Xuíz como elemento central, unha representación de Santa Clara á esquerda, á dereita unha escena relacionada con San Francisco e ao lado desta un aguia cun corazón, vinculada a San Agustín.

A intención da Deputación de Pontevedra é avanzar na recuperación e conservación destas pinturas. Tamén facelas visitables ao público.

Xa no 2022 neste mesmo espazo do convento se localizaran outras pinturas murais e mesmo inscricións, visibles a pesares da capa de cal que as cubría. Foran identificadas durante unha visita da Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia.