O exalcalde do Grove que denunciou o libro ‘Fariña’ querélase agora contra unha empresa de café de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Despois de levar ante a xustiza o libro ‘Fariña’, o exalcalde do Grove, Alfredo Bea Gondar, denuncia ó empresario vilagarcián Marcos Ramos, dono de ‘Tu Café’. O que fora rexedor meco di sentir vulnerada a súa honra despois de que nunha campaña promocional da firma cafeteira se bromease cos problemas que tivo coa xustiza no pasado.

Ante esta demanda, o responsable da empresa confía en que o seu caso acabe en nada, do mesmo xeito que ocorreu coa publicación de Nacho Carretero.

As ocurrencias de Marcos Ramos para promociona-lo seu café non deixan a ninguén indiferente. Tampouco a Alfredo Bea Gondar, o exalcalde do Grove que empredera accións legais contra o libro ‘Fariña’ e que agora arremete contra ‘Tu Café’.

O exrexedor meco di sentir vulnerada a súa honra por isto… a imaxe forma parte dunha das campañas da cafeteira arousá para promociona-lo seu produto.

A orixe da brincadeira fai referencia ó pasado de Bea Gondar, condenado por narcotráfico pola Audiencia Nacional, aínda que absolto despois polo Supremo. Tamén se vira involucrado nunha causa por branqueo. Agora, o exalcalde reclámalle 50.000 euros en concepto de indemnización ó dono de ‘Tu Café’. O empresario arousán di confiar na xustiza e amósase con ganas de que este capítulo remate canto antes.

O responsable da cafeteira tamén di estar sorprendido coa resposta de Bea Gondar ante o que considera unha broma que vai na liña das campañas publicitarias da súa empresa.

Marcos Ramos apunta que, pase o que pase, vai respecta-las decisións xudiciais. Di que a partir de agora confía todo este asunto no seu avogado, para non interferir no proceso. O caso está sendo levado polos xulgados da vila madrileña de Collado Villalba, o mesmo que decretou o secuestro do xa célebre libro Fariña, de Nacho Carretero.