Pontevedra inaugura as actividades de Nadal co “lanzamento” do alcalde

PONTEVEDRA> O alcalde inaugurou este mediodía as actividades do Nadal pontevedrés lanzándose pola rampla instalada na praza do Concello. As concelleiras Carmen Fouces, Pilar Comesaña e Anabel Gulías tamén quixeron probar as atraccións do “Xogamos na rúa”.

As actividades do “Xogamos na rúa”, dentro da programación de Nadal do concello de Pontevedra, arrincaron este mediodía co “lanzamento” do alcalde. Fernández Lores probou a atracción instalada na Praza do Concello, acompañado das concelleiras Pilar Comesaña, Carmen Fouces e Anabel Gulías, que tamén se atreveron coa tirolina da Alameda.

Ademais destes xogos, abertos a tódalas idades, a programación para as Festas inclúe obradoiros infantís nas galerías da Oliva e os mercados de artesanía da praza do Teucro e a Sétima Feira.

Tamén haberá obradoiros, actuacións e unha gran pista de xeo no recinto feiral, que acolle dende mañá ata o 6 de xaneiro “Mundo Nadal”.

Para participar nas actividades é necesario presentar un ticket de compra de calquera establecemento de Pontevedra e de calquera contía. As atraccións do “Xogamos na rúa” están abertas de 12 a 2 polas mañás e de 4:30 a 7 polas tardes.