O Concerto de Aninovo arrincará a programación musical do 2019

PONTEVEDRA> O Concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica de Pontevedra arrincará a programación musical para o 2019. Será o 1 de xaneiro ás 19:30 horas no Pazo da Cultura.

Por sétimo ano consecutivo a Orquestra Filharmónica de Pontevedra da a benvida ó Ano Novo dende o Pazo da Cultura. Volverá a facelo acompañada do Ballet Norte, e nesta ocasión subirá tamén ó escenario a Banda de Gaitas de Forcarei.

O concerto viaxará musicalmente de Pontevedra a Viena, cunha segunda parte dirixida por Juan Manuel Romero Llopis.

A concelleira de cultura lembrou que tódolos anos se esgotan as entradas e recomendou o concerto coma unha boa escusa para poñer fin ás longas sobremesas que caracterizan o día de comezo do ano.

Coma noutras ocasións haberá interacción cos asistentes e varias sorpresas. As entradas pódense adquirir dende xa en ataquilla.com e dende o vindeiro 21 de decembro na billeteira da Casa da Luz.