O PP local acusa ó Concello de boicotear o transporte público

PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra acusou esta mañá ó goberno local de boicotear o transporte público. Rafa Domínguez secundaba así a carta enviada hai uns días polo Director Xeral de Mobilidade ó Concello, na que se lle insta a por en marcha un sistema de transporte ou a asumir o custe das liñas xestionadas actualmente pola Xunta, para as que remata a concesión en 2019.

Rafa Domínguez acusaba esta mañá en rolda de prensa a Lores de privar ós veciños de Pontevedra dun servizo fundamental como é o transporte, ademais de estar incumprindo a lei que obriga ós concellos de máis de 50.000 habitantes a ter transporte urbano.

O popular explicou que lle resulta incomprensible que nunha cidade na que se aposta por reducir o uso do coche non se ofrezan alternativas; e comparou a inversión anual en transporte das cidades galegas, destacando que Pontevedra está moi por detrás das outras urbes.

O voceiro popular insistiu en que se precisa un transporte urbano especialmente nas parroquias e un transporte metropolitano que conecte cos concellos limítrofes a un prezo competitivo.

A comparecencia  de Rafa Domínguez servía para secundar a petición da Xunta, por medio dunha carta remitida ó Concello, da implantación do transporte urbano en Pontevedra.

Na misiva advírtese que se ten que por en marcha un sistema de transporte propio ou asumir o custe das liñas existentes, que actualmente paga a Xunta. De non facelo, indícase na carta,  a administración autonómica resérvase o dereito de descontar da participación no Fondo de Cooperación Local que lle corresponda ó Concello as achegas económicas necesarias para compensar os déficits de explotación dos servizos prestados.

O Concello considera erradas as formas da Xunta, polo que Fernández Lores chamou a Núñez Feijoó para aclarar o tema, que xa tiñan tratado na reunión mantida en outubro. O alcalde insistiu en que o interese do concello é ofrecer un transporte público o máis eficiente posible, polo que se están a asesorar para ver cales son as mellores alternativas.