A dirección do Museo de Pontevedra seleccionará ás 7 persoas que formarán o novo Consello Asesor

PONTEVEDRA>  A Deputación presentou esta mañá o regulamento do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra. Este órgano estará formado por 7 persoas que terán un perfil técnico e que serán nomeadas por un prazo de 4 anos. Ademais, serán seleccionados a proposta do director do Museo.

O Museo de Pontevedra contará cun Consello Asesor formado por 7 persoas de relevancia do sector cultural, académico e profesional. A proposta de regulamento, que foi presentada esta mañá, irá este venres a comisión informativa e será aprobada no vindeiro Pleno provincial.

O Consello Asesor estará formado polo director do Museo, a Xefa de Xestión e ata un máximo de 7 vogais que deberán ter un perfil técnico. Todos eles serán elixidos pola propia dirección.

A intención é que este Consello Asesor traballe con autonomía e estabilidade e exerza unha supervisión das liñas estratéxicas do Museo. Unha fórmula administrativa que foi ben recibida polo propio director.

O obxectivo da Deputación de Pontevedra é que o regulamento do Consello Asesor poida estar operativo para finais de ano.