O campo de fútbol será a primeira instalación do complexo de lecer de Salcedo

PONTEVEDRA> Salcedo contará cunha área de lecer na que se conxugarán deporte e natureza. O concello de Pontevedra e a Comunidade de Montes da parroquia presentaron esta mañá o proxecto para o campo de fútbol, a primeira das obras do complexo, que ocupará os terreos gañados á Brilat.

Os concelleiros Alberto Oubiña e Demetrio Gómez presentaron esta mañá o proxecto para a primeira instalación do complexo deportivo de Salcedo. Facíano acompañados de membros do consello parroquial, que participou activamente na súa elaboración.

O campo de fútbol, de herba sintética, adáptase ás características naturais do terreo, que foi un dos requisitos dos comuneiros á hora de ceder o espazo para a súa construción.

Terá as dimensións esixidas pola FIFA para competicións internacionais e disporá de bancada, 4 vestiarios, almacén e cantina. Tamén contará cunha sala de usos múltiples para facer actividades relacionadas coa natureza, por petición da comunidade de montes, que solicitou ademais un espazo para bicicletas, con almacén e equipamento para limpeza e pequenas reparacións. Esta estancia xorde do acordo co Club Ciclista Farto.

O campo disporá dun depósito para a recollida de augas pluviais que se empregarán no rego, seguindo os parámetros de sustentabilidade. Custará 1,1 millóns de euros e podería comezarse a construír no vindeiro ano, despois de ser revisado o proxecto polos servizos técnicos do concello e unha vez realizado o proceso de contratación.

O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo destacou que co acordo conseguido co Ministerio de Defensa sobre o uso do terreo comunal, todos resultaron beneficiados.

O complexo, que se completará no futuro con outras instalacións como unha pista de BMX e outra de atletismo, pretende ser referencia na comarca.

Ademais, a comunidade de  montes ten prevista para principios de ano a construción dunhas cabanas neolíticas que acollerán actividades divulgativas para os máis cativos.