Tristura e sorpresa en Portonovo polo naufraxio do ‘Sin querer 2’

355

SANXENXO> O Sin Querer 2 tiña base en Portonovo. Durante a tarde neste porto as novas foron chegando pouco a pouco, entre a incredulidade dos mariñeiros que se reunían no entorno a medida que coñecían a triste nova.

En Portonovo, a tristura e a sorpresa eran os sentimentos máis compartidos entre os mariñeiros que se foron achegando ata o porto a medida que coñecían a triste nova.

O Sin Querer 2 tiña base neste porto, e pertencía á empresa Pescados Vixa, propiedade dunha familia de Combarro. Antes era coñecido como o Praia de Portonovo, propiedade dun armador da localidade.

Dos seis supervivintes desta traxedia, catro son veciños de Portonovo. Dous deles, David e Cristian, son naturais da localidade. Os outros dous son de orixe senegalesa. Xunto cos seus tres compañeiros falecidos e o patrón desaparecido, todos de Cambados, estiveran faenando no Cantábrico e, tras facer noite no porto da Coruña, regresaban a Portonovo.

Esta tarde na localidade tampouco coñecían as circunstancias que rodearon o tráxico accidente. Aínda que si apuntaban a que as condicións do mar non eran malas para navegar.

No que todos coincidían era en sinalar o alcance desta nova traxedia no mar.