“O conservatorio no principal” amosará o talento dos novos músicos pontevedreses

PONTEVEDRA> O alumnado do conservatorio de Pontevedra achegará o seu bo facer ós veciños da cidade a través dun novo ciclo que se incluirá na programación do Teatro Principal.

“O Conservatorio no Principal” é o nome do ciclo de concertos no que os alumnos do Manuel Quiroga realizarán audicións abertas ó público xeral. Deste xeito preténdese compartir o talento dos novos músicos.

A idea xorde tras unha experiencia “piloto” no mes de novembro, cun concerto que superou as expectativas da comunidade do conservatorio.

Hoxe mesmo celebrouse o primeiro concerto do ciclo, cunha primeira parte dedicada á música clásica, interpretada pola Orquestra 1 e unha segunda parte a cargo da Brass Band, cun repertorio máis actual.

As seguintes citas serán o 7 de febreiro, cun concerto de música antiga e o 14 de marzo coa actuación das dúas bandas do conservatorio.

Con este iniciativa preténdese dar visibilidade ó traballo realizado no centro e achegar ó alumnado ó mundo profesional. A entrada é de balde ata completar aforo.