PONTEVEDRA> Ricardo Fernández Colmenero e Santiago Jaureguízar recibiron esta mañá os premios de xornalismo Julio Camba e Francisco Fernández del Riego. Estes galardóns recoñecen cada ano artigos escritos en castelán e galego, respectivamente.
Os premios xornalísticos convocados por Afundación e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés foron entregados esta mañá nun acto celebrado no Café Moderno. O evento arrincou coa conferencia do xornalista Xaquín López sobre estereotipos e estigmas na narco-información, na que falou da súa experiencia na cobertura de novas relacionadas co tráfico de drogas.
A continuación entregáronse os galardóns. Ricardo Fernández Colmenero recibiu de mans do presidente de Afundación, o XXXIX premio Julio Camba pola peza xornalística “La comunidad”, publicada en El Mundo o 1 de abril do 2017. Nos agradecementos, o xornalista lembrou ó mestre.
E defendeu que o traballo do columnista se alimenta do que se recolle na rúa.
O XV premio Francisco Fernández del Riego foi concedido a Santiago Jaureguizar polo artigo “Pólvora sen magnolia na discoteca Clangor”, publicado en El Progreso o 31 de decembro do 2017, no que fala dunha xeración de estudantes que o autor comparou cos protagonistas do maio do 68.
O xurado estivo composto por Alfredo Conde, Vitor Freixanes, Ramón Pernas e Carlos Valle.