Tres mortos e un desaparecido tras afundir un cerqueiro de Portonovo ao sur de Fisterra

A embarcación foi a pique este mediodía con 10 tripulantes a bordo a 4,5 millas de Cabo Fisterra

PORTONOVO/MUROS> Tres mariñeiros faleceron e outro máis continúa desaparecido tralo afundimento do pesqueiro con base en Portonovo “Sin querer dos”. A embarcación foi a pique este mediodía con 10 tripulantes a bordo a 4,5 millas de Cabo Fisterra.

O Helicóptero Helimer recuperou un cadáver e o Salvamar outros dous. Entre tanto, continúa a busca da única persoa que queda sen localizar. Os outros seis mariñeiros foron rescatados despois de lanzarse ao mar en balsas. Foron auxiliados por dous pesqueiros que se encontraban na zona. Están sendo trasladados aos portos de Muros e Fisterra.

Polo de agora, descoñécense as causas do naufraxio. O buque accidentado dedicábase ao cerco. Anteriormente chamábase ‘Playa de Portonovo’, ata que foi adquirido por unha familia de Cambados.