Citado a declarar o ex director Xeral de Minas por irregularidades en San Finx

LOUSAME> Citados a declarar o ex director xeral de Minas e outros antigos responsables de Industria por presuntas irregularidades na autorización da mina de San Finx. Impútaselle un delito de falsidade documental en relación ós informes emitidos para tentar beneficiar á empresa concesionaria.

O Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago vén de citar a declarar ó ex director xeral de Planificación Enerxética por un presunto delito de falsidade documental en relación coa mina de San Finx.

 Xunto con Bernardo Tahoces deberán comparecer no xulgado o ex xefe do servizo de enerxía e minas na Coruña e outros dous funcionarios deste departamento.

Será o 21 de setembro cando prestarán declaración no marco dunha causa penal na que tanto a confraría de Noia como as asociacións Ecoloxistas en Accións e Verdegaia están personados como acusación particular.

Impútanselle varios delitos, entre eles, o de falsidade documental por varios informes emitidos para, presuntamente, beneficiar á empresa concesionaria da mina de San Finx. Refírese concretamente ó intento de facer pasar a presa de residuos mineiros como parte das instalacións dunha central hidroeléctirca inexistente.

A acusación sostén que os mesmos responsables tentaron ocultar a existencia da contaminación con metais pesados e insistiron en que non era necesario someter o proxecto a unha avaliación ambiental, algo imprescindible para a continuidade da explotación.