A Policía Local inspecciona a nave de La Cross para comprobar as medidas de seguridade

PONTEVEDRA> Cinco días despois, o incendio da fábrica da Pontesa, en Pontevedra, continúa coleando. O concello enviou hoxe unha inspección da Policía Local á antiga fábrica de La Cross, en Alba, que tamén utiliza o Grupo Nogar como almacén, para comprobar se se cumpren as medidas de seguridade. Neste caso, a licenza de actividade foi tramitada nos anos noventa e nunca se produciu ningún incidente. Doutra banda, dende o Grupo Nogar aseguran que en Pontesa se cumprían todos os requisitos legais.

A Policía Local de Pontevedra inspeccionou hoxe as instalacións da antiga fábrica de La Cross, en Alba. Hai anos que a nave é utilizada polo Grupo Nogar como almacén.

Tralo incendio do domingo pasado na fábrica da Pontesa, na que o Grupo Nogar almacenaba toneladas de gran e pipas de xirasol sen, segundo o goberno local, licenza de actividade ou medidas de seguridade, o concello quixo coñecer a situación de La Cross.

Hoxe Fernández Lores volveu cargar contra o Grupo Nogar polo incendio da Pontesa, que provocou o falecemento dun dos traballadores da empresa. Segundo o alcalde, a compañía non está a cumprir co requirimento da Policía Xudicial de vixilar as naves de Ponte Sampaio.

O Grupo Nogar manifestouse hoxe por primeira vez sobre o ocorrido, despois de respectar os dous días de loito oficial decretados polo falecemento de Benito González. Aseguran que contan con todos os permisos e protocolos de seguridade. Tamén medidas antiincendios.

A empresa explica no comunicado que teñen en marcha a súa propia investigación para aclarar o sucedido. Galigrain ten alugadas as antigas naves da Pontesa dende o 2018. Alí almacenan 42.000 toneladas de gran.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí