O “Labora 2020” ofrecerá 11 itinerarios formativos para a mellora do emprego

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra recibirá fondos europeos para un novo proxecto de formación para o emprego. A Unión Europea achegará máis de 3,8 millóns para o “Labora 2020”, que ofrecerá cursos destinados a favorecer a inserción laboral nos sectores con maiores oportunidades laborais na provincia.

A Deputación de Pontevedra porá en marcha o programa “Labora 2020” coa financiación do Fondo Social Europeo 2014-2020, que achegará o 80% do orzamento do proxecto. En total, sumando o 20% financiado pola administración provincial, destinaranse algo máis de 4,8 millóns de euros á mellora da empregabilidade.

Carmela Silva sinalou que con este investimento a deputación de Pontevedra  se sitúa como a que máis dedica en España ó fomento do emprego, respondendo así ás críticas do PP polas políticas do goberno bipartito neste eido.

O “Labora 2020” desenvolverá 11 itinerarios formativos integrados e personalizados respondendo ás necesidades locais e orientados a aqueles sectores con maiores oportunidades de emprego na provincia.

Un dos obxectivos será integrar a colectivos vulnerables para que poidan acadar o certificado de profesionalidade. Os cursos, que se dirixen a 855 persoas , das que o 53,3% serán mulleres, impartiranse entre o 1 de febreiro do 2019 e o 31 de decembro do 2021.

Ademais, o proxecto tamén inclúe dez xornadas informativas de activación e intercambio de experiencias e boas prácticas; e accións específicas en igualdade e non discriminación, así como en desenvolvemento sustentable.