“Domingos do Principal”, 20 anos alimentando o amor polo teatro entre nenos de tódalas idades

PONTEVEDRA> “Domingos do Principal” ofrecerá na súa vixésima edición 7 funcións de teatro infantil e xuvenil que abranguen tódolos eidos das artes escénicas. Na presentación do programa, a concelleira de cultura defendeuno coma un regalo estupendo para o día de Reis.

Esta mañá presentouse a programación de Domingos do Principal para o 2019. O festival de teatro familiar, que xa vai por vinte edicións, ofrecerá nos vindeiros meses 7 representacións do máis variado.

O programa arrinca o 20 de xaneiro co espectáculo “Rojo Standard”, que mestura danza, circo e teatro. O 27 será a quenda das máscaras coa representación “Pavillón Lino”, e o 3 de febreiro “El viaje de Ulises” despregará no Principal unha escenografía innovadora para unha historia clásica.

O 10 de febreiro toca teatro de sombras con “El tesoro de la barracuda”; o 17, teatro de actor con “Aguratrat”; e o 24, o novo circo sube a escena con “Emportrats”. A programación finaliza o 10 de marzo con “Euria”, un espectáculo mudo sobre a capacidade de superación do ser humano ante a perda dun ser querido.

Ademais das funcións dos domingos, con dobre quenda -ás 12 da mañá e ás 6:30 da tarde- están previstas 3 representacións concertadas en centros escolares os luns 28 de xaneiro, e o 11 e 18 de febreiro.

Facendo balance dos 20 anos deste ciclo de teatro infantil e xuvenil, a concelleira de cultura destacou que os espectadores de “Domingos do Principal” téñense convertido na actualidade nun público esixente e formado.

Polo festival de teatro familiar teñen pasado dende que comezou arredor de 300 representacións.

As entradas están a venda en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na web do Pazo da Cultura e na Casa da Luz. O prezo é de 4 euros por función e de 21 euros para o abono completo.