A Provincia de Pontevedra incrementa nun 50% os tránsitos de embarcacións de recreo no 2018

PONTEVEDRA> O tránsito de embarcacións de recreo medrou un 50% na provincia de Pontevedra no 2018, recibindo algo máis de 4.500 barcos. As cifras foron positivas en tódolos ámbitos xeográficos, superando os 10.000 tránsitos no conxunto de Galicia.

Os portos deportivos da provincia de Pontevedra volveron a presentar un crecemento no número de tránsitos con respecto ó ano anterior.

No conxunto das Rías Baixas, recibíronse 7.400 barcos de recreo, sendo o porto de Combarro o segundo máis transitado con 937 embarcacións. Por concellos, ocupa o primeiro lugar Sanxenxo, con 1.134 tránsitos.

Confírmase, polo tanto, a consolidación da actividade portuaria da náutica de recreo en toda a comunidade autónoma, mantendo o ascenso dos pasados anos. En toda Galicia recibíronse 10.150 barcos, o que proba a tendencia á alza.

A captación de novos tránsitos na náutica de recreo é unha das liñas de traballo estratéxicas para Portos, que está a desenvolver de maneira conxunta con Turismo de Galicia actividade promocional en salóns náuticos de toda Europa.

Para o futuro estase a traballar na captación de novos usuarios que dean relevo xeracional e na fidelización dos consumidores de náutica de recreo, tanto para os tránsitos e estadías tipo coma para as invernadas. Tamén se continuará a participación na rede europea “Passport Scale”, á que xa están adscritos 20 portos galegos.