O Cafetín faise por 5º ano consecutivo co premio á mellor tapa de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Cafetín é un ano o gañador do concurso Pontedetapas, que premia ó mellor petisco da cidade, e serve de selección para a competición “De tapas por Galicia”. Rubén González volveu demostrar que non  ten rival neste certame gastronómico, co que se fai por quinto ano consecutivo.

Rubén González, chef do Cafetín, creou por quinta vez a mellor tapa de Pontevedra. Así o decidiron tanto o público coma o xurado profesional do concurso “Pontedetapas”. O dobre galardón enche de orgullo ó cociñeiro.

A súa proposta, “O polbo emigrante Atlántico vs Asiático” representará a Pontevedra no concurso “De tapas por Galicia”.

No certame autonómico, que xa gañou en dúas ocasións, competirá coas tapas representantes das outras 6 cidades galegas. Un reto complicado pero que afronta con ilusión.

O petisco recibiu 9.356 puntos na votación do público, fronte ós 5.206 do segundo premio, que recaeu no “Duelo de baos” de Pontetapas e os 4.795 do “Canelón de xabaril sobre crema de cogomelos e bechamel de trufa” de Casa Román, terceiro premio do concurso.

O xurado profesional tamén a considerou a mellor tapa creativa de entre as 25 presentadas. A mellor tapa tradicional foi para a “Empanada de millo de culler, berberecho e mexillón” do Café Liceo; e o mellor cóctel foi o elaborado por Mulligans baixo o nome de “Holland Match”.