O PP denuncia o ‘abandono’ do mercado e reclama a revitalización do ‘GastroEspazo’

PONTEVEDRA> O Partido Popular denuncia o abandono do gastroespazo do mercado de abastos de Pontevedra. A formación levará unha moción ao vindeiro pleno para reclamar un plan para potencialo e dinamizalo. Aseguran que o espazo gastronómico perdeu atractivo dende a súa apertura no 2019, e na actualidade dos 14 postos que comezaron só 9 quedan abertos.

O Partido Popular de Pontevedra pon o foco sobre a situación do GastroEspazo do mercado de abastos. Un proxecto que se inaugurou no 2019 para dar un valor engadido á praza e á súa zona.

Para os populares, este espazo gastronómico cae en picado. Dos catorce postos que comezaron o proxecto tan só 9 quedan abertos.

Estes son algúns dos problemas que, segundo a edil, lles trasladaron praceiros, hostaleiros e usuarios. Tamén a falta de sinalización que explique a existencia deste espazo e o frío que hai nas instalación, sobre todo no inverno, fan a oferta pouco atractiva. Por iso o PP levará unha moción ao vindeiro pleno para reclamar que se tomen medidas para a súa revitalización.

Os populares levarán esta moción ao pleno de novembro. No de decembro presentarán outra relacionada, desta volta, coa planta baixa da praza de abastos. Reclamando tamén actuacións que melloren as condicións nas que os praceiros desenvolven a súa actividade.