O espazo gastronómico do Mercado podería estar operativo no 1º trimestre do 2019

PONTEVEDRA> Avanza a reforma do 1º andar da praza de abastos que dará novos usos e creará sinerxías entre os usuarios. O mercado coa súa nova configuración podería estar funcionando no primeiro trimestre do 2019.

A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, achegouse hoxe á praza de abastos para ver o avance das obras que se están a desenvolver no 1º andar. Nesta visita defendeu que a renovación era necesaria para traer o mercado ó presente.

Lembrou que se está a traballar para converter o primeiro andar nun espazo gastronómico no que a xente veña a mercar e a degustar produtos preferentemente do andar de abaixo.

Ademais, haberá lugar para a programación de actividades, entre as que terá especial importancia o “Ganapán”, espazo de lecer para o público infantil e familiar. Tamén se manterán propostas xa programadas neste espazo, como a Sétima Feira.

A concelleira de Promoción Económica puxo a énfase nos traballos non visibles de reforma e adecuación do espazo.

Mentres a obra avanza, a tramitación das bases para a definición dos usos e a adxudicación dos postos segue o seu curso. O obxectivo é que o primeiro andar estea funcionando no primeiro trimestre do vindeiro ano.