Mosquera defende que se o goberno da Deputación se elixira directamente repetirían mandato

PONTEVEDRA> O vicepresidente da Deputación fixo balance esta mañá nun almorzo informativo do ano que remata, a poucos meses ademais de que finalice o mandato que comparten PSOE e BNG na institución provincial. Segundo Mosquera a coalición resultou mellor do previsible, e a única “lagoa” foi a imposibilidade de chegar a acordos coa Xunta.

O goberno bipartito da deputación ten cumprido o programa que se estableceu para o mandato. Así o aseguraba esta mañá o vicepresidente, nunha comparecencia ante os medios na que facía un balance positivo da xestión, que se baseou segundo el na equidade.

Mosquera asegurou que se os gobernos das deputacións se decidiran por votación directa, non terían problemas para repetir mandato, e aproveitou para explicar que considera un fraude democrático que a cidadanía non poida elixir directamente ós dirixentes provinciais.

Sobre as sombras do mandato, considera que a única “lagoa” foi a imposibilidade de chegar a acordos coa administración autonómica.

E sobre a propia institución asegurou que os catro anos de mandato lle serviron para reforzar a súa idea de que as deputacións non teñen sentido, xa que multiplicar o número de institucións só serve para que algunha delas resulte inoperativa.

Por último, fixo unha valoración da oposición, que considera ten un escaso nivel político, xa que, segundo afirmou, non len nin os papeis.