A Banda de Música de Pontevedra repasa no seu concerto solidario a vida de Walt Disney

PONTEVEDRA> O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro venres, día 4, o concerto solidario da Banda de Música de Pontevedra. Ó celebrarse este ano o día antes da chegada dos Reis Magos, a temática escollida vai especialmente dirixida ós máis pequenos, aínda que o espectáculo esta deseñado para que o goce toda a familia.

A Banda de Música de Pontevedra arrinca o ano co espectáculo “Walt Disney, O soñador”. Terá lugar o venres, 4 de xaneiro, ás 9 da noite no Pazo da Cultura e terá fins solidarios.

Con esta iniciativa, a Banda mantén o seu compromiso solidario, colaborando con varias ONGs, coas que organizará outras actividades ó longo do ano.

O espectáculo do venres subirá ó escenario a vida do debuxante Walt Disney, interpretado por Esteban Acuña. Estará acompañado das voces de Dani Sierra e Irene Caruncho. Tamén se conta coa colaboración de 3 corais que suman 120 voces infantís.

O concerto complétase coa proxección de imaxes de películas da compañía americana de tódolos tempos, dende o seu primeiro filme ata as películas feitas trala incorporación de Pixar e Lucas Films.

A entrada custará 5 euros e poderá adquirirse na billeteira do Pazo dende dúas horas antes do comezo do concerto.