PONTEVEDRA> O BNG reclama á Xunta de Galicia que tome medidas para adiantarse ao impacto que a guerra en Oriente Medio pode ter na cidadanía galega. Dende Pontevedra, a voceira Ana Pontón esixiu a posta en marcha dun plan extraordinario de apoio económico e social, con iniciativas dirixidas tanto aos sectores produtivos como aos fogares. Axudas directas, un bono transporte, eliminar as peaxes ou liñas de crédito específicas son algunhas das propostas.
O BNG reclama á Xunta de Galicia que mova ficha e que se anticipe ao impacto que a guerra de Oriente Medio vai ter na economía galega. Os nacionalistas demandan a posta en marcha dun plan extraordinario de apoio económico e social, que levarán ao Parlamento galego.
A proposta pasa por dese ñar un escudo social galego. Así, Pontón fallou de deseñar axudas directas para os sectores máis afectados, a posta en marcha dun bono transportes para utilizar os medios públicos por 30 euros ao mes ou a eliminación das peaxes en autoestradas da Xunta. Duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, habilitar un fondo extraordinario para os concellos ou liñas de crédito para pemes, son outras das propostas.
Pontón fixo este anuncio en Pontevedra, no marco da presentación da campaña ‘Co BNG, Galiza Gaña’. Unha iniciativa para dar a coñecer o traballo dos representantes da formación en Madrid, con compromisos incluídos nos acordos de investidura do Goberno central.
Para os nacionalistas, os cambios de postura de PP e PSOE no referente á transferencia e rescate da AP9 demostran a necesidade dunha forza como o BNG en Madrid. Tamén o traballo para impulsar o tren de proximidade en Galicia.











