O novo vial entre Campolongo e a avenida de Vigo a través dos terreos da ONCE abrirá ao final do verán

PONTEVEDRA> Avanzan as obras de urbanización da contorna do centro da ONCE, en Pontevedra. De cumprirse o previsto, a primeira fase estaría rematada ao final deste verán. O proxecto ten por obxectivo conectar Campolongo coa avenida de Vigo, mellorando a accesibilidade nuns terreos que ata o de agora estaban pechados á cidadanía.

A zona de Campolongo estará conectada coa avenida de Vigo, San Brais e a zona sur de Salcedo a través dos terreos da ONCE en Pontevedra. Avanzan a bo ritmo os traballos de urbanización da contorna do Centro de Recursos Educativos.

Segundo os cálculos, os traballos poderían rematar a finais do verán. Xa nos meses de outubro e novembro podería iniciarse a segunda fase, coa creación dun vial perimetral a toda a parcela. A terceira e última contempla a construción dunha rotonda fronte ao edificio central da ONCE.

A urbanización abrirá a zona á posible construción de máis de 200 vivendas, grazas a un convenio entre o concello e a ONCE que se viu freado pola crise de 2008 e a pandemia.

De xeito paralelo, a ONCE está a rehabilitar o centro, un dos cinco que a organización ten en España.

Como pontevedrés, Miguel Carballeda asegurou que este centro se atopa na mellor cidade de mundo, e comprometeuse a seguir traballando para que a veciñanza se sinta orgullosa do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí