PONTEVEDRA> A Asociación Xuntos asinou esta mañá un convenio coa empresa “Carlos Conde Peluqueros” para a inserción laboral dunha das usuarias do programa Emprego con Apoio. Esta será a primeira contratación do 2019 ó abeiro desta iniciativa, que acadou no 2018 a inserción laboral de 18 persoas.
As entidades Down en Galicia, entre as que se conta a asociación Xuntos, desenvolven dende o 2002 un programa de inserción laboral que consiste na sinatura de convenios con empresas para conseguir emprego ós seus usuarios.
No ano que vén de rematar, en Pontevedra acadaron un posto de traballo a través deste programa 18 persoas.
Hoxe, Carlos Conde, propietario dunha cadea de perruquerías, asinaba co presidente de Xuntos un convenio polo que se contratará a Verónica, que comezará o luns a traballar no almacén da empresa.
O presidente de Xuntos defendeu que o programa Emprego con Apoio é un dos máis importantes da asociación e amosou a súa alegría polas contratacións acadadas, se ben gustaríalle ir un paso máis alá e conseguir melloras nas condicións laborais.
No 2018 foron 24 as empresas que colaboraron con Emprego con Apoio, que pretende garantir o acceso normalizado a un posto de traballo das persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.