O PP provincial denuncia a paralización do Plan de Prácticas en Empresas da Deputación

PONTEVEDRA> O PP provincial denuncia que a Deputación ten paralizado o Plan de Práctica Laboral en Empresas. Dende o grupo político consideran que con isto se priva a centos de mozos e mozas da provincia da oportunidade de conseguir un emprego acorde á súa formación. Lamentan tamén que se reduza a duración das bolsas do Plan de Prácticas dirixido a concellos.

O grupo provincial do Partido Popular denunciou esta mañá a paralización do Plan de Práctica Laboral en Empresas da Deputación. Destacaron que tanto no 2017 coma no 2018 non se executaron as 400 bolsas previstas.

Os populares consideran que con isto se está a impedir a inserción laboral de centos de mozos da provincia, que poderían ter con este plan a súa primeira oportunidade de emprego.

O voceiro provincial explicou que nas últimas semanas e meses os integrantes do grupo popular recibiron numerosas chamadas de empresarios e mozos en relación a este tema.

Os populares tamén se queixaron pola redución da duración das bolsas do Plan de Práctica Laboral en Concellos, un plan similar ao anterior pero dirixido ás prácticas en administracións locais da provincia, onde se reduciu en cinco meses a prestación.

Os populares insistiron en que tanto en comisións como en pleno preguntaron ó goberno bipartito sobre a situación do Plan de Prácticas Laborais, pero non recibiron resposta.