As novas rúas do polígono de Tafisa terán nome de muller

PONTEVEDRA> As novas rúas do polígono de Tafisa terán nome de muller. Así se aprobou esta mañá na Comisión de Cultura. Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García serán as homenaxeadas. Ademais, o xardín situado diante da sede da Xunta de Galicia recibirá o nome de María Vinyals.

A comisión de cultura reunida esta mañá aprobou por maioría o nomeamento das novas rúas da zona de Tafisa como Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García.

Dende xullo de 2015 existe un acordo plenario para manter a galeguización e toponimia das novas rúas do Concello, pero incorporando a feminización no rueiro. Seguindo esta directriz, leváronse a comisión as propostas, extraídas do listado aprobado naquel acordo municipal que recollía 33 nomes.

A rúa principal levará o nome de Ernestina Otero Sestelo. Une Xosé Malvar coa futura conexión de Monte Porreiro polos Campos, onde se construirá a facultade das Belas Artes.

Outras rúas serán Dolores Trabado, a primeira muller taxista do Estado; e Vasquida García, unha menciñeira queimada nos Séculos Escuros.

Quedaría por nomear unha cuarta rúa no polígono de Tafisa. Ó que si se lle deu nome tamén na comisión de hoxe foi ó xardín situado diante da Xunta de Galicia, que se chamará “María Vinyals”.

As propostas aceptadas en comisión serán levadas a Pleno para a súa aprobación definitiva. A intención da Concellaría de Cultura é organizar unha homenaxe pública da Corporación a estas mulleres no mes de marzo. Carmen Fouces destacou que con estes nomes se consolida a presenza das mulleres no espazo público, vetado para elas historicamente.