O PSdeG pide a dimisión de dúas edís por comentarios sobre o asasinato de León

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/13/dimision_susana_camino.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/05maio/13/dimision_susana_camino.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> Susana Camiño xa non é concelleira en Vilagarcía. A exedila socialista formalizou esta mañá a súa dimisión, despois da polémica levantada por unhas declaracións súas en Facebook sobre o asasinato da presidenta da Deputación de León. Camiño pediu desculpas, aínda que asegura que se malinterpretaron as súas palabras.

Coa frase “quen sementa ventos recolle tempestades”, Susana Camiño desataba o proceso que rematou coa súa dimisión. A xa exedil escribía estas declaracións onte no seu perfil de Facebook, en relación co asasinato da presidenta da Deputación de León.

Camiño enviou as súas condolencias a familia, amigos e partido de Isabel Carrasco. Pediu perdón tamén á súa formación, insistiu en que como concelleira sempre estivo dedicada aos cidadáns e agarda que este traballo non quede velado polas súas declaracións.

A dimisión de Camiño foi recibida con respecto dende o Partido Popular de Vilagarcía. Para o alcalde da vila a exconcelleira non soubo estar á altura do seu papel público.

Ademais, Fole pediu unha reflexión da clase política e da sociedade.

Neste senso tamén se pronunciaron dende Pontevedra o presidente da Deputación e o subdelegado do goberno.

A de Camiño non foi a única solicitude de dimisión do Partido Socialista de Galicia entre as súas filas. Esta tarde, a formación pedía á edil Beatriz Martínez, do concello de Meis, que abandonase a súa acta por outro comentario deixado en Facebook en relación co asasinato de Isabel Carrasco. Nel, a concelleira advirte ao presidente da Deputación Rafael Louzán que “os desvergonzados que se enriquecen con cartos públicos rematan pagándoo”. O Partido Popular da localidade calificou as manifestacións de desafortunadas e pediu, tamén, a súa dimisión.