Mañá chega unha nova vaga de frío polar

VILAGARCÍA> Intensa vaga de frío a que estamos vivindo nestes últimos días. Nalgúns puntos da comarca mesmo chegaron a rexistrar temperaturas baixo cero. Este martes saímos as rúas de Vilagarcía para saber como afrontan estes días tan fríos.

A partir de mañá chega unha nova vaga de frío polar que entrará polo noroeste peninsular e que podería deixar neve en cotas por riba dos 400 metros. Non hai previsión de chuvias polo que segundo afirman dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía, continuemos con ceos despexados, pero con moito frío.

Os ventos serán de compoñente norte polo que dará a sensación de que o frío será mais intenso que o destes días, iso si, dende AEMET creen que será no fin de semana concretamente a partires do sábado cando as temperaturas comezarán a remontar.

As provincias de Ourense, Lugo e A Coruña parece que son as que máis están a sufrir os efectos de esta vaga de frío, deixando nalgúns puntos ata 9 graos baixo cero. Na provincia de Pontevedra, as temperaturas foron moito máis suaves, segundo apuntan dende MeteoGalicia, aínda que tamén se rexistraron valores baixo cero como foi o caso de Lalín (-4,9ºC), Ponteareas (-4,5ºC) ou Cotobade (-2,6ºC).