O Partido Barbanza Independente aspira a gobernar en Ribeira

RIBEIRA> A formación celebrou onte, nunha abarrotada Casa do Mar, o seu mitin central da campaña. O seu candidato a alcaldía, Vicente Mariño, avogou pola necesidade dun cambio de cara a conseguir unha Ribeira de progreso.

A Casa do Mar foi o lugar escollido polo Partido Barbanza Independente para a celebración do seu mitin central. Ante un nutrido grupo de veciños que quixo escoitar as propostas da nova formación, foron pasando varios dos integrantes da lista. A súa número tres, Lola Elorduy, aludiu á necesidade dun cambio de rumbo no Concello, por iso pediu o apoio para o PBBI.

A número dous, Herminia Pouso, criticou ó actual executivo do Partido Popular, e o xeito no que está a enlixar esta campaña.

Pola súa banda, o candidato á alcaldía, Vicente Mariño, agradeceu o respaldo da veciñanza durante o que vai de campaña, ós que lle pediu o seu apoio para que a formación sexa a gran triunfadora da noite do 26 de maio.