O Programa de Vivendas Baleiras fracasa en Vilagarcía

VILAGARCÍA> O Programa de Vivendas Baleiras promovido pola Xunta de Galicia, parece que non acaba de funcionar en Vilagarcía. Dende Ravella sinalan que nin bancos, nin veciños, amosaron interese por esta iniciativa que permitía alugar pisos baleiros a persoas sen recursos.

Escaso ou nulo interese de bancos ou cidadáns, en Vilagarcía, polo Plan de Vivendas Baleiras organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, que permitía dedicar os seus inmobles a alquiler social. Dende Ravella solicitaron a administración autonómica que abrise a porta a participación da banca, pero tampouco funcionou.

Ningunha entidade se amosou interesada, e pola contra ocorreu o mesmo cos posibles arrendatarios xa que as cifras tamén son irrisorias: cinco vilagarciáns inscritos.

Tania García sinala que esta situación non é un feito illado de Vilagarcía, senón que dentro do programa a nivel autonómico, ata outubro de 2018, tan só foron adxudicadas sete vivendas en toda Galicia das dezaseis que se puxeron a disposición dos inquilinos.

Este tipo de alugueiros situábase nos 300 euros de máximo ao mes, por debaixo do prezo de mercado que se sitúa nos 400 euros.